Habita preferentemente en montañas, acantilados, paisaxes abertas agrestes, bosques aclarados e na costa. Caza lanzándose sobre as súas presas en picado case vertical, a enorme velocidade e coas ás pegadas ao corpo a xeito de proxectil vivente. Mide de 38 a 48 centímetros e aliméntase de aves ata o tamaño dunha pomba ou perdiz. Cría en cornixas de grandes cortados rochosos, riscos e ocasionalmente en construcións e niños doutras aves en árbores. A súa posta ten lugar entre marzo e abril.