É unha ave moi gregaria. É frecuente ver bandos que en outono, por exemplo, se reúnen con grande algarabía en durmideiros arbóreos. Ten un peculiar e característico voo ondulado. Aliméntase principalmente de sementes aínda que non despreza algúns invertebrados. De abril a xullo, aniña en todo tipo de arbustos. Constrúe o seu niño a base de herbas secas e mofo. Pon de 3 a 6 ovos, que incuba a femia. O seu hábitat son arboredos fluviais, zonas abertas con alta vexetación anual, zonas forestais, matogueiras, sebes e por veces parques.